Limiar-
Jack Bruce Symon
é un dos músicos máis importantes, prolíficos e xeniais da música popular desde
hai cincuenta anos. Nado en 1943, en Bishopbriggs (norte de Glasgow, Escocia)
no seo dunha familia obreira, sindicalista, con coñecementos musicais, forma
parte de neno do Young Communist League Choir. Estuda música no Conservatorio
de Glasgow, onde se gradúa en cello e composición. Empeza tocando o contrabaixo
en grupos de jazz e logo únese á Alexis
Korner Blues Incorporated para pasar a conformar a Graham Bond Organisation, onde coñece a John McLaughlin e Ginger
Baker. Xunto a este último e con Eric Clapton nace Cream, o primeiro supergrupo da historia, que conseguirá un
éxito inmediato e significará unha ruptura innovadora, baseando as súas pezas
no blues e desenvolvéndoas en directo cun patrón de improvisación jazzística en
forma de rock.
Jack Bruce é o compositor habitual do grupo. Comeza daquela a súa colaboración co poeta vangardista Pete Brown, autor das letras e poemas que Bruce se encargará de musicar. Após a disolución de Cream, combina rexistros individuais de altísima cualidade (“Songs for a Tailor”, “Harmony Row” ou “Things we like”, onde jazz, blues e rock están presentes como alicerces dunha personalísima variante da composición amais de perfeccionar o uso do baixo, acadando altas cotas como cantante e amosando unha grande técnica pianística), con formacións de jazz vangardista (Tony Williams Lifetime ou Kip Hanrahan máis tarde, nomeadamente) e colaboracións con relevantes figuras da música "pop" como John McLaughlin, Lou Reed ou Frank Zappa. Asemade, traballa en óperas e en multitude de sesións con músicos de renome (Mike Mantler, Jazz Composers Orchestra, …). Durante anos esa combinación aludida reiterarase até o momento. Canto ao seu ideario, Jack Bruce sempre expresou a súa simpatía polo movemento comunista escocés.
Francisco Sampedro
Jack Bruce é o compositor habitual do grupo. Comeza daquela a súa colaboración co poeta vangardista Pete Brown, autor das letras e poemas que Bruce se encargará de musicar. Após a disolución de Cream, combina rexistros individuais de altísima cualidade (“Songs for a Tailor”, “Harmony Row” ou “Things we like”, onde jazz, blues e rock están presentes como alicerces dunha personalísima variante da composición amais de perfeccionar o uso do baixo, acadando altas cotas como cantante e amosando unha grande técnica pianística), con formacións de jazz vangardista (Tony Williams Lifetime ou Kip Hanrahan máis tarde, nomeadamente) e colaboracións con relevantes figuras da música "pop" como John McLaughlin, Lou Reed ou Frank Zappa. Asemade, traballa en óperas e en multitude de sesións con músicos de renome (Mike Mantler, Jazz Composers Orchestra, …). Durante anos esa combinación aludida reiterarase até o momento. Canto ao seu ideario, Jack Bruce sempre expresou a súa simpatía polo movemento comunista escocés.
Francisco Sampedro
A continuación
reproducimos a entrevista concedida a Alberto
Lema e Francisco Sampedro
hai tres meses desde o seu fogar de Suffolk; a traducción do inglés ao galego é
dos entrevistadores, aos que lles agradezo a posibilidade de publicar este
valioso testemuño:
1) Usted sempre falou intensamente da súa
relación con Escocia, o seu país natal. Tanto en lo existencial –aí está o
documental de Toni Palmer ou o recente “Man behind the bass”- como
musicalmente, -a súa nai cantante de folk escocés, o seu ingreso na Royal
Academic of Music en Glasgow, etc…. Aínda se lle nota emocionado,
cando actúa en Escocia, según a –para min- excelente biografía: “Jack Bruce:
composing himself”. Que nos pode dicer desa relación con Escocia actualmente?
E, unha pregunta máis política: está vostede de acordo coa autodeterminación?
1.-
A relación dun exiliado escocés é sempre complicada. Sentimentos de nostalxia,
perda e culpa mestúranse dun xeito que semella exclusivo dos escoceses e que,
porén, é probablemente idéntico ao de moita xente que vive lonxe da súa patria
pola razón que for. Boto de menos Escocia cando non estou alí, aínda que para
min Escocia é tamén un estado de ánimo no que sempre habito permanentemente. Os
ecos do pasado volven soar na miña memoria e teño as loitas dos escoceses
sempre presentes. Sobre a cuestión da independencia escocesa, citando ao meu
pai Charlie Bruce, enxeñeiro de Clydeside e marxista leal, os nacionalistas
escoceses son Tartan Tories [1]. Neste
sentido penso que a mellor solución para Escocia sería unha de maior restitución
dos seus lexítimos dereitos Aínda que moito mellor sería conseguir darlle ao
Reino Unido no seu conxunto a súa liberación do sistema de clases e da
propiedade privada. De todos xeitos, eu non confío no líder do Partido
Nacionalista Escocés, Alex Salmond, resúltame sospeitoso.
2) Resulta imposíbel falar acerca de vostede
sen facer referencia, de novo á política. Os seus pais eran moi activos no
partido comunista de Escocia. De feito lle costaron algúns problemas, por
exemplo o exilio en Canada. O seu pai –Charles Bruce-, en concreto, era un sindicalista
moi recoñocido, de feito cando a súa actuación benéfica en Glasgow no 1971, o
xornal do partido comunista preguntouse: “ou, ese e o fillo de Charlie, non?
Por outra parte, Glasgow era unha cidade con unha forte presenza comunista aló
pos anos 20 e posteriormente ata despois da II Guerra mundial. De neno vostede
cantaba no Sunday School Socialist Choir. Que recordos ten de aquello, e que
pensa actualmente da crise que asola Europa, por non falar xa do chamado 3º
mundo, claro
2.- Había moita xente na área de Glasgow ou no Red Clyde, como era coñecida
entón, de tendencia esquerdista.. Eu medrei durante os anos corenta e cincuenta
nunha familia de sólida tradición comunista. Isto, porén, converteuse en algo
que agochar contra o final dos cincuenta cando se espallaron as teorías da
conspiración tipo “o comunista debaixo da cama” (The Red under the Bed). Eu
cantaba e aprendín teoría musical no Coro da Escola do Domingo Socialista da
man dun gran home, Jimmy Callan, un verdadeiro idealista. Lembro que unha vez,
cando eu estaba a falar da “miña música” el lembroume que a música non lle
pertencía a ninguén, que era de todos.Tamén tiven acceso a unha boa escola
grazas ao esforzo da miña nai, Betty. Ela conseguiu que me admitisen na escola
Senior Secondary a pesar de que, polo meu lugar de residencia, tería que ter
ido a un colexio peor. Hoxe en día, o que eu espero e desexo é que volvan as
políticas máis liberadoras dos tempos pasados. A xente, en especial a máis
nova, xa leva aturado abondo a pobreza de ideas que invadiu Europa desde os
setenta. É posible que Margaret Thacher e a súa ralea non destruísen a
sociedade tanto como eles pensaban.
Cream, “Sunshine of your love” (Brown, Bruce, Clapton, 1967)
3) Falemos de música xa. Todo o mundo considera
que vostede é unha das figuras máis importantes da escena musical desde os
tempos de Cream até hoxe. Unha voz prodixiosa, un baixista de referencia, un
pianista excelente, un compositor de altísima cualidade. Manexouse
estupendamente no campo do rock, do blues, do jazz, da música experimental,
etc…Pero eu faría unha distinción na
carreira de Jack Bruce. Para min esta posúe duas dimensións. E aquí tomo a
terminoloxía que se lle aplicou á filosofía de Aristóteles: por un lado, unha
obra exotérica: dirixida máis ás masas, aínda que a calidade está presente
(Cream, BBM, WB&L, e certos discos en solitario). Por outro, unha vertente
esotérica, reservada, se me permite, a unha minoría, aínda que o selo do facer
bruceano se recoñece absolutamente (Tony Williams Lifetime, colaboracións con
Mike Mantler, con Hiseman e Surman, Kip Hanrahan….) . E a cabalo esas maravillas, como “Songs for a taylor ”,
“Harmony Row” ou “Shadows in the air”. Mesmo na aprendizaxe da música
clásica, vostede xa o anunciaba na adolescencia: “Estiven un tempo estudiando
becado na Royal Academy of Music, pero só lles interesaban os vellos mestres, e
entón eu xa estaba interesado no jazz e na música clásica contemporánea, como
Stravinsky e cousas aínda máis modernas”. Coñecía xa vostede outras tendencias
das que despois xe fixo eco, tales como Schönberg, Webern, Messiaen, etc…? Está
vostede de acordo coa división que acabo de propor eu no seo da súa carreira?
3.- Os meus intentos de triunfar na
cultura popular encontraron diferentes grados de éxito. En particular, as
cancións de Cream I Feel Free e
White Room foron dúas
tentativas de introducir ideas bastante complexas na cultura pop que acadaron
éxito. A introdución a capella de I Feel Free e o uso do ritmo 5/4
en White Room, son os exemplos
aos que me estou referindo. As letras densas e poéticas de Pete Brown, foron
tamén importantes neste experimento. Moitos dos meus outros intentos de “cruzar
á outra beira” non atoparon un éxito comercial comparable a este, e por moitas
razóns; a política do negocio musical, racismo e pura mala sorte. Pero non
importa, o que eu busco é ESTAR dentro da música, existir dentro dela en cada
momento. Simplemente estar. Son os demais os que deben xulgar. Proveño dunha
familia moi musical. A miña nai era unha excelente cantante de música folk
escocesa e o meu pai tocaba piano e batería, pero non profesionalmente porque
eran clase traballadora, xente moi simple á súa maneira. Non obstante, me
animaron moito a cantar. Tamén eran moi activos políticamente no partido
comunista e neses días dos anos ’50´, dentro daqueles movementos había moita
actividade destinada a mellorar a cultura da xente así que tiñamos moi boas
corais. Principalmente corais, porque a xente non tiña diñeiro dabondo para
comprarse instrumentos. Pero lembro que as corais eran maravillosas. Eu
adoitaba levar a parte solista coa coral do meu bairro e tamén integraba a
coral da igrexa. E así foi como comecei coa música.
Logo, cando fun ao colexio, tiven un moi
bo profesor que me alentou a estudar cello e piano e a compoñer música clásica.
Estando na secundaria, gañei unha beca para estudar na Royal Academy of Music,
en Glasgow. Estiven alí un tempo, pero non me gustou porque era moi á vella
usanza, non lles gustaba nada do moderno, só os vellos mestres e para aquel entón
eu xa estaba interesado no jazz e tamén na música clásica contemporánea, como
Stravinsky e cousas aínda máis modernas.

Conforme vou avellentando, o meu gusto musical vai mudando. Cada vez
escoito máis música clásica. Cando antes podía rexeitar Beethoven por coñecer
só tres acordes (!!!), hoxe en día gozo e adoro a súa música. Tamén
descubro cada vez máis música do século XX que atesourar, a Sonata para piano número 8 de
Prokofiev, por exemplo, é algo que veño de descubrir, así como as gravacións
Jelly Roll Morton da Biblioteca do Congreso. O único importante é seguir
aprendendo e escoitando.
4) Vostede ten falado da súas influencias musicais: o folk escocés, a música clásica contemporánea. Hai dous autores, sen embargo, que semellan iniciáticos para vostede. Refírome a Charles Mingus e a J.S. Bach. Do primeiro escribe Harry Shapiro: “Mingus’s music came as a revelation to Jack Bruce and would prove to be very influential in his development, not just as a bass player but even more so as a composer with a strong affinity for folk and roots music”. En canto a Bach, vostede afirmou nunha entrevista aparecida no film da despedida de Cream, que era o mellor baixista que existira na historia. Me gustaría que comentase ambas afirmacións.
4.- Mingus foi o meu primeiro gran heroe, ata o punto de imitalo como un
adolescente usando as mesmas lentes escuras ca el, a súa pipa Meerschaum ou
tratando de chegar a ser un baixista e compositor. Despois de coñecelo en
persoa e descubrir que non era moi comunicativo, fixen a promesa de que
eu sería máis positivo cos meus fans. O comentario sobre Bach como
baixista era só en parte por brincadeira. O que quería dicer era simplemente
que JSB podía facer máis cousas cos seus pés que a maioría de nosoutros,
os baixistas, con dez dedos.
5) E en canto as influencias da música popular:
do rock, do blues, sobre todo, a que citaría vostede, e en razón de que?
5.- Tendo 12 anos en 1955, eu era un auténtico fillo do Rock´n´Roll o ano
do lanzamento de Rock Around the Clock,
de Bill Haley and the Comets, así como do Maybelline de Chuck Berry. Eu prefería con moito a Berry dos
dous, e esta tendencia ía continuar; a de gustar da música popular negra por
riba de calquera outra cousa a un nivel inconsciente, naïf. Ningún músico
que nacera naquela altura podía evitar sentirse emocionado ou mesmo seducido
pola forza daquel novo son. Como descubrín máis tarde, o mesmo sucedía co
jazz e, por suposto, coa fonte da que todo proviña, o blues. Por suposto, moito
despois eu veríame tamén influenciado por grupos como os Beatles, os Beach Boys
e outros, e había imitar tamén a súa exactitude e brevidade naquela perfección de acadar en dous minutos e medio. Penso que I Feel Free é unha proba evidente desta influencia.
6) O seu encontro co poeta vangardista Pete Brown amosouse como un verdadeiro empuxón para a súa producción artística . E aínda seguen a compoñer xuntos !!! A que se debe esa enorme e duradeira colaboración? Por outra parte vostede recitou ou cantou a Beckett, a Brecht, e mesmo inspirouse en Malcolm Lowry no fermosísimo “Consul at Sunset”. Que outros escritores lle interesan?
6.- Pete Brown é moi importante para min,
tanto como co-inspirador de cancións como por ser un grande amigo. Vivimos
moitas cousas xuntos e eu penso que el é un letrista e poeta tremendamente
infravalorado. O meu escritor favorito é Malcolm Lowry, aínda que tamén me
gustan moitos outros autores como Joyce, O´Brian, Roth, Singer, Heller así como
Kingsley e Martin Amis –sobre todo os seus primeiros libros- Evelyn Waugh,
Dickens, Tolstoy… e tamén por suposto algúns autores ingleses novos e Borges. A lista sería interminable. Entre os
meus poetas favoritos están Robert Burns e Sylvia Plath, e considérome un
fanático de Rimbaud.
7) O éxito de Cream supuxo unha sorpresa para vostede? En aquel momento se vivía unha época de creatividade musical excelente. Unha especie de idade de ouro do rock. Pero Cream resultou un punto de inflexión. Que opina sobre aquel tempo? É certo, ademais, que planeaba formar un grupo con Jimmi Hendrix?
7.-
O xigantesco éxito de Cream foi unha xigantesca sorpresa para todo o mundo que
tiña relación coa banda. Penso que os tres pensabamos que había algo especial
en nós, ás veces máxico, pero a xente da compañía discográfica non estaba
preparada para a tremenda máquina de facer cartos que de súpeto tiñan nas súas
mans. E todo sen ningún esforzo pola súa parte!. Eles non tiñan nin idea de cómo
xestionar a banda, como si tiñan Robert Stigwood ou Ahmed Ertegun. E así foi
como se botou a semente do fracaso da banda. Si, o de Hendrix é certo, de feito
circulan "jam sessions" en común.
8) Que autores segue a escoitar habitualmente?
8.- Este ano foi o que tiven que traballar
máis duro en moito tempo, con moitos concertos por case todo o mundo, de
maneira que tiven moi pouco tempo para escoitar música máis aló da que me tiña
entre mans. Ademais, aínda que eu podo traballar moi duro, fóra do choio son
moi preguiceiro. Dame
a Dizzy Gillespie
Big Band e son un tipo feliz… Tamén me segue a gustar a música clásica,
Mozart, Bach, Olivier Messiaen, así que as miñas preferencias son amplas dabondo. Gústame
tamén a música hindú.
9)Hai algo hoxe que lle interese particularmente da música actual?
9.-
Cada vez me interesa máis a música folk, tanto a escocesa como a internacional,
e tiven tamén a sorte de colaborar co gran trío de folk escocés LAU a comezos
de ano.
10) Algún proxecto en mente Mr. Bruce?
10.- O ano que vén quero facer un verdadeiro álbum de estudio de Jack Bruce
en solitario, e agora mesmo estou traballando na realización dese proxecto.
Moitísimas grazas de novo pola súa amabilidade en facilitarnos esta entrevista. Ogallá lle podamos ver en Galicia moi pronto.
Jack Bruce & Lau,
“Sunshine of your love” (Sol do teu amor)
Old Fruitmarket of Glasgow , 25/1/2012
[1] Nota do tradutor: Tartan é a típica tela de cadros escocesa, mentres que Tory é conservador, a mellor tradución podería ser “conservadores con saia”.