DIVAGACIÓNS...





“Camiñante diante dun mar de néboa”

Casper David Fiedrich (1818)

Dende o outeiro dos 60 anos


"O segredo dunha boa vellez non é outra cousa que un pacto honrado coa soidade". 
Gabriel García Márquez, "Cien años de soledad".

“Estes pobos, como Cuenca, no alto, teñen un algo de atalaias, de miradoiros, e semella que ao tempo que se pode estender a mirada por unha paisaxe física, pódese tamén, por paralelismo, estendela por unha paisaxe moral”.
 Pío Baroja, "La Nave de los Locos".






NOVO LIBRO: "GALEGOS NAS GUERRAS DO RIF. PAISAXE BÉLICA E IMAXINARIO ANTICOLONIAL (1860-1927)"
A literatura española contemporánea mantivo unha intensa relación co territorio do Rif. Moi influído pola intervención colonial, no discurso literario predominan a temática bélica e o pexorativo tratamento dado á poboación autóctona. Naquela xeografía tamén se falou na nosa lingua, mais o colectivo galaico pasou desapercibido para as narrativas. Tanto a devandita ausencia como a imaxe periférica da resistencia rifeña, chamaron a nosa atención. Propoñemos, pois, unha análise destas invisibilidades, comparándoa coas percepcións dalgúns escritores galegos presentes en Marrocos. O obxectivo sería enxergar se estes foron quen de construír un imaxinario anticolonial con duplo percorrido: o recoñecemento da propia identidade no contexto da presenza militar hispana en África e a toma en consideración do pobo rifeño como protagonista dunha silenciada loita de liberación.

 O libro, editado polo Instituto Galego de Historia e Murguía Revista Galega de Historia, pódese comprar nas principais librerías do país e "on line" na páxina web do Consorcio Editorial Galego www.consorcioeditorial.com




“Non creo en Xesús”
"Non creo en reis" 
“God”, John Lennon.

* Creo que as clases confrontadas, como as bruxas, habelas, hainas.
* Creo que ao longo do tempo o protagonismo como suxeito político da Humanidade oprimida, posibilitou espazos de liberdade e benestar. E a Historia non rematou.
* Creo que a rebeldía diante da inxustiza e da explotación prevalece sobre as alternativas. Estas, constrúense deixando atrás as derrotas, pois tan sequera existe a posibilidade do suicidio político para as capas explotadas e oprimidas.
* Creo que, na vida e na política, a arrogancia estraga e a indiferencia mata a humanidade. Tamén impiden o (re)coñecemento entre os pobos.
* Creo que o activismo sen o sentimento, nunca mudará o actual estado de cousas. Pola contra, a donda sensiblería ven sendo unha potente durmideira.
* Creo nunha ciencia económica que atenda as necesidades colectivas das persoas, antes que o beneficio privado a través das mercadorías.
* Creo que a liberdade non é tal sen igualdade.
* Creo que a ética emancipadora ten mal acomodo nunha “torre de marfil”.
* Creo que a soberanía deféndese dende o individual ata o colectivo; dende as nacións oprimidas, ate os estados que devecen por se desfacer do xugo imperial.
* Creo que a aristocracia dos líderes indiscutidos, infalibles e intocables, divide, deturpa e retarda as distintas maneiras de exercer a soberanía.


“Só lle pido a Deus que o inxusto non me sexa indiferente”
Solo le pido a Dios”, León Gieco.

* Cun pé no mar do Orzán e outro na “raia seca”; entre a “finezza” do liberalismo coruñés e o aquel levantisco ourensán.
* Galiza no corazón, pero coa (desordenada) música noutra parte: Hendrix, Jethro Tull, Television, psicodelia, Joy Division, a Velvet, Jerry García, Jack Bruce, Kurt Vile…
* Galiza como necesidade sentida; o desarraigamento como patria chica.
* Malia o camiño andado por xunto (vivencias, persoas, militancias, cultura común…), a cada máis estranxeiro niso que, por acá e por acolá, se entende por España.
* Do anceio colectivista, ao forzoso? individualismo cotiá. 
* Materialismo de partida, romanticismo de volta.
* Ricardo Mella, na idea; Karl Marx, na acción.
* Oficios, moitos, mestre en ningún.
* Oprimido, pero non explotado.
* Nen na Academia, nen fora dela.
* O socializador optimismo da vontade, compensa o solitario pesimismo da razón?
* No satisfaction”!!.




“Gostan-me as imaxes que vale a pena reproducir.
Multiplicalas sobre a pantalla
e observalas con sentimentos diferentes”
“Images”, Lou Reed & John Cale.

* Acaso descubrir o fío condutor que esclarece as rebeldías de outrora como antecedentes inconclusos das confrontacións actuais, non debera formar parte da consideración social do investigador ou investigadora?. Pola miña parte, dende diversos planos e ao longo do tempo, tan só quixen transmitir unha e outra vez que na Galiza, nación en precario tantas veces asimilada á submisión, tamén houbo homes e mulleres rebeldes.
* Acaso para o rastrexo do que Walter Benjamin describe como a Memoria d@s Vencid@s esnaquizada e ciscada nas ruínas que o devalar da Humanidade adoecida deixou polo (noso) mundo adiante, non se precisan historiadores e historiadoras comprometid@s cada quen co seu país, coas súas capas populares e co seu tempo?; homes e mulleres que consideren a Historia como boa compañeira, portadora de mensaxes esperanzadas para a xente oprimida, eiquí e agora?.
* Acaso pode ser aséptico e indiferente quen entenda así a investigación histórica?. Quen non acompañaría a un “cronista con opinión” como Oswaldo Bayer no seu indignado relato da masacre dos traballadores rurais da Patagonia arxentina, a mans dos “estancieros” sustentados nas baionetas enviadas polo goberno radical de Hipólito Yirigoyen?.
* Acaso “há memórias objectivamente puras”?. E logo non será, como apunta o historiador portugués Fernando Rosas, que “...há memórias que conflituam, que se tentam anular, em última análise, quer se queira ou nâo, que tomam partido...”?.
* Acaso na Galiza a memoria colectiva d@s “vencid@s” ou d@s “oprimid@s”, como se queira,  non esvaeceu case que por completo tras o golpe de 1936, suplantada en boa medida pola memoria xestionada polo franquismo impune, pola Patronal e outras elites conservadoras caso da Igrexa Católica; memoria dos “vencedores”, que non tivo ningún problema en se transmitir durante o réxime franquista e continuou a ser hexemónica ata hoxe, logo da Transición “memoricida”?.
* Acaso non é preciso que a investigación histórica recupere a “memoria d@s oprimid@s”,  para posibilitar un debate plural entre os distintos procesos memoriais e as súas respectivas representacións simbólicas, máis tamén para retornala a toda a cidadanía como liberadora semente de futuro?. Porque, se acreditamos a Benjamin, “nada está cancelado”.
* Acaso a Memoria, entendida como construción xusticeira d@s vencid@s contraposta ao esquecemento e ao mito, non aguilloa á Historia e impide que a escriban a soas os vencedores?. 
* Acaso non acerta o combativo xornalista catalán Xavier Montanyà, cando dí: "La tergiversació de la història és una constant, com més va més utilitzada per justificar el present. El debat és permanent. La història és un dels camps de batalla on convé ser present i actiu, per a impedir la manipulació del relat. La cosa pitjor, però, és el desconeixement. L'amnèsia del passat absol completament el present"?.
* Acaso, como nos alerta a artista e investigadora galega María Ruído, non existe o perigo de uniformizar a memoria d@s “oprimid@s”, que tamén é diversa e, ás veces, mesmo confrontada?.
* Acaso o fardel das certezas non debera ser lixeiro?.






* Cando escoito falar de estilo atendo o ecoar de John Cale e Lou Reed, debruzados na súa homenaxe (Images, Songs for Drella) a Andy Warhol:
“Se pensas que a técnica ten sentido,
semellaréite moi simple.
Se as imaxes te molestan, os autos, as cadeiras…,
semellaréite molesto,
martelo, fouce,
Mao Tsé-Tung, Mao Tsé-Tung, Mao Tsé-Tung"

A escrita, sobria, directa, comprometida coa ineludible complexidade do real e a súa multiplicidade de imaxes...

 
Lou Reed & John Cale - Images